A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, critica o retraso da Xunta de Galicia na execución das obras de arranxo de dúas pontes do municipio que están derruídas dende as riadas que houbo en outubro do ano 2014. A rexedora e o concelleiro de Desenvolvemento Rural, Miguel Castrillón, visitaron os lugares afectados nas parroquias de Santo Tomé e San Adriano.
Rocío López lamenta “o retraso na execución das obras de arranxo de dúas pontes, que levan derruídas máis dun ano, como consecuencia das fortes riadas que se rexistraron en outubro do 2014. O convenio de cooperación coa Consellería do Medio Rural para a realización das citadas obras firmouse o pasado 30 de outubro deste ano e dende esa data seguimos esperando o comezo dos traballos”.
A alcaldesa de Lourenzá aproveitou a visita que a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo á cooperativa Terras da Mariña a semana pasada para recordarlle que ese departamento da Xunta “ten pendentes as obras de reconstrución de dúas pontes no concello de Lourenzá”, explicou a rexedora, que ademais enviou un escrito dirixido á Consellería de Medio Rural pedindo “a maior présa posible na execución das obras e rogando que nos comuniquen as datas concretas para o inicio das mesmas para poder dicirlles algo concreto aos veciños”.
Rocío López recordou: “dende que entramos no goberno municipal estamos en continuo contacto coa Consellería para que solucionen o antes posible este problema. Temos dúas estradas municipais cortadas dende hai máis dun ano, unha situación que se fai insostible e que supón un gran trastorno para os veciños do lugar. O feito de que as pontes non estean arranxadas supón un enorme esforzo para os cidadáns das parroquias de San Adriano e Santo Tomé, que se ven obrigados a facer unha rodeada para acceder aos seus domicilios. Pedimos que as obras se executen o antes posible para evitar que a situación empeore, se cabe máis aínda, coas choivas fortes do inverno. Este problema foi unha herdanza do anterior goberno e lamentamos non telo solucionado antes. É algo que non depende directamente de nós, senón que lle compete á Consellería de Medio Rural”.
A alcaldesa rematou pedindo desculpas e paciencia aos veciños e confía en que a Xunta acometa as obras canto antes. “De non ser así teremos que tomar medidas urxentes dende o Concello e levar a cabo os traballos, algo que sería difícil pola escaseza de recursos. Xa vai máis dun ano que as pontes están caídas e non estou disposta a que os meus veciños e veciñas soporten por máis tempo esta situación. Póñome na pel deles e despois de tanto tempo esperando a paciencia esgótase. É por iso que demandamos que se tomen as medidas pertinentes para poñer solución a este problema”, manifestou Rocío López.