A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, lamenta o retraso da Xunta de Galicia no arranxo de dúas pontes que están derruídas dende as riadas que houbo en outubro de 2014. Unha é a de Gallardo, na parroquia de San Adriano, e a outra está no lugar de Combre, en Santo Tomé.
“Falamos de máis dun ano con dous viarios municipais cortados, con todo o trastorno que iso supón para os habitantes das parroquias afectadas, que son os máis prexudicados”, explicou a rexedora municipal, quen recordou que “o Concello de Lourenzá firmou no mes de novembro un convenio de cooperación coa Consellería de Medio Rural, da Xunta de Galicia, para a realización das mencionadas obras de infraestrutura e aínda seguimos esperando a que se inicien os traballos. A finais de novembro e dado o retraso na execución das obras dende o Concello enviamos un escrito á Consellería pedindo présa e a fixación dunha data prevista para o inicio dos traballos, non recibindo ningunha contestación ao respecto. Neste pasado mes de xaneiro, logo de sendas comunicacións con Desenvolvemento Rural, informáronnos que dende a Consellería quedou todo encamiñado o ano pasado e que se está retomando o tema para executalo o antes posible”.
Rocío López engadiu: “esperamos que este problema herdado do anterior goberno municipal se solucione, xa que de non ser así será o Concello o que teña que afrontar o financiamento das obras, algo que se torna difícil dada a escaseza de recursos económicos. E insiste na necesidade de arranxar as pontes canto antes, xa que coa chegada das choivas fortes a situación empeorará máis aínda e provocará de novo o desbordamento do río. Estamos a falar dun problema que afecta ó día a día os veciños de Lourenzá, que se ven na obriga de dar un enorme desvío para poder acceder as súas vivendas e os seus negocios, con todos os trastornos que iso conleva”.
A alcaldesa confía en que “dende a Consellería se axilicen os trámites o antes posible e acometan as obras de construción das pontes derruídas Esperamos que a situación volva pronto á normalidade e se poida restablecer o tráfico nas mencionadas vías municipais garantindo así os servizos aos veciños afectados”.