A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, informou hoxe a través dun bando municipal de que xa se atopa aberto o prazo para inscribirse no programa da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta Xuntos polo Nadal. A iniciativa, que parte da Dirección Xeral de Política Social do organismo autonómico, ten como obxectivo permitir que todas as persoas maiores de 60 anos, que se ven obrigadas a pasar as festas de Nadal soas, poidan facelo acompañadas desprazándose ás residencias de tempo libre de O Carballiño, Panxón e Nigrán dende o 23 de decembro ata o 2 de xaneiro. Os participantes deberán estar empadroados nalgún municipio galego, valerse por si mesmos e non estar acollidos en ningún centro residencial. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de novembro e os interesados poden tramitar xa as solicitudes a través do departamento de Servizos Sociais do Concello de Lourenzá.
A responsable laurentina recordou que “no programa Xuntos polo Nadal poden participar todos os maiores de 60 anos que se vexan obrigados a pasar estas festas en soidade. Deberán ser persoas que se vaian por si mesmas e non padezan ningunha enfermidade infecto-contaxiosa ou trastorno mental ou conductual. A documentación que deben presentar os interesados basease nun documento de solicitude, un informe social e unha declaración responsable. Os servizos ofertados serán o aloxamento en cuartos compartidos e a manutención dos participantes en réxime de pensión completa, así coma actividades de animación sociocultural. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de novembro e os interesados poden recibir máis información a través dos nosos Servizos Sociais municipais”.