A ALCALDESA PIDE AOS VECIÑOS QUE COLABOREN CO ROUPEIRO MUNICIPAL, DO QUE SE ENCARGA A EDUCADORA FAMILIAR DO CONCELLO, DOLORES VILLASUSO. AS FAMILIAS NECESITADAS RECIBEN PRENDAS DE MANEIRA GRATUÍTA E CONFIDENCIAL

Lourenzá, 15 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, pide aos veciños que colaboren co roupeiro municipal, do que se encarga a educadora familiar do Concello, Dolores Villasuso. As familias necesitadas reciben prendas de maneira gratuíta e confidencial, como explicou a rexedora local.

O roupeiro está nas dependencias do centro de servizos sociais, que se atopan no inmoble coñecido como O Torreón, e tanto para entregar prendas como para recollelas o horario é de 10:00 a 13:00 horas.

Dolores Villasuso lembra que “a idea de ter un roupeiro municipal non é premeditada nin se crea de repente: xurde a medida que van aparecendo as necesidades sociais. No ano 2000 danse unha serie de circunstancias que fan que os veciños se decidan a axudar ofrecendo roupa e enseres, en especial de bebé, que nese momento se demandaban. A partir do 2003 comezan a chegar inmigrantes e empezan a facerse reagrupacións familiares. Soen ser familias numerosas, con nenos e con dificultades económicas; nese momento empezamos a acumular roupa e pouco a pouco montamos o roupeiro”.

Actualmente no roupeiro de Lourenzá “hai varios estantes, un percheiro e un zapateiro con roupa e calzado para todas as idades”, explica a educadora familiar do Concello, quen pide que “a roupa se entregue limpa, porque non temos sistema de reciclaxe”. Tamén comenta que “a roupa que non encaixa despois dun tempo mandámola a algunha residencia ou a unha ONG” e agradece a colaboración dos veciños que entregan prendas.