A ALCALDESA PIDE ÓS VECIÑOS QUE TOMEN MEDIDAS DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS NAS SUAS FINCAS

Lourenzá, 5 de xullo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, pide ós veciños do concello a través dun bando que tomen medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais, recordando que os propietarios son os responsables de que as parcelas privadas entorno a núcleos habitados non favorezan á propagación de incendios.

Como sinala a rexedora municipal, “a lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia atribúe ós donos das fincas a obrigatoriedade de manter limpas as súas propiedades situadas nas franxas de seguridade daqueles núcleos rurais que están a menos de 400 metros do monte e tamén para as vivendas illadas. A franxa de seguridade está recollida na lei de montes 7/2012 en 50 metros dende o perímetro dos núcleos rurais ou en 50 metros libre de vexetación dende o parapeto das vivendas illadas. Para o arborado son 30 metros dende o límite do que sería o núcleo rural ou o parapeto da vivenda e no caso de que esteamos falando de especies arbóreas do anexo 1 da lei de montes a distancia de seguridade sería de 15 metros á liña do núcleo rural ou as vivendas illadas”.

Dende o Concello de Lourenzá ven necesaria a publicación deste bando porque “estamos en período de alto risco de incendios declarado pola Xunta”.

Descargar bando en PDF