A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, propuxo a instalación no municipio das primeiras pistas de atletismo homologadas da Mariña aos responsables da Xunta de Galicia que hoxe visitaron as obras do novo solado do polideportivo municipal. Foron concretamente o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a delegada territorial na provincia de Lugo, Raquel Arias; e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero, que estiveron acompañados pola rexedora municipal e polo concelleiro de Deportes, Francisco Dasilva.
Rocío López explicou que “ao longo da visita de hoxe mantivemos conversacións coas autoridades da Xunta e manifestámoslles o noso desexo e a nosa predisposición para que Lourenzá sexa tida en conta á hora de instalar as primeiras pistas de atletismo homologadas da Mariña. Tocaremos tódalas portas buscando a colaboración das institucións”.
Sobre a obra realizada no polideportivo municipal, a alcaldesa comentou que se fixo “en base a un convenio de cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Lourenzá e consistiu na substitución de solado na pista do polideportivo municipal. O importe total das actuacións que se realizaron ao abeiro deste convenio ascendeu á cantidade de 50.000 euros, importe que a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionou na súa totalidade”.
Rocío López destacou que esta actuación “foi positiva, debido á necesidade de mellorar o pavimento existente, que era de formigón. Substituíuse ese solado de formigón por un de parqué, o que mellorou considerablemente as condicións das instalacións deportivas. Isto traducirase nun mellor confort e nunha maior seguridade para os usuarios do polideportivo municipal”.
A rexedora rematou manifestando: “estou a facer o meu traballo, tal e como prometín. É certo que esta subvención se tramitou antes de estar eu aquí e o meu deber e a miña obriga como alcaldesa era darlle continuidade a este proxecto. A finalidade de tódalas actuacións e decisións que tome un alcalde deben ir orientadas sempre cara á mellora da calidade de vida dos seus veciños e esta obra contribúe, sen dúbida, a unha mellora integral das instalacións deportivas existentes no noso concello. Así os laurentinos poderán utilizar as instalacións do polideportivo municipal dun xeito máis cómodo e seguro. É para min gratificante saber que estou a facer a miña labor, para a cal os laurentinos me escolleron, que é facer cousas por Lourenzá”.