A ALCALDESA REUNIUSE EN MADRID CON RESPONSABLES DE FOMENTO E SOLICITOULLES FONDOS PARA RESTAURAR O MOSTEIRO DE SAN SALVADOR E MELLORAS NAS COMUNICACIÓNS POR ESTRADA

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, reuniuse en Madrid con responsables do Ministerio de Fomento e solicitoulles fondos para restaurar o mosteiro de San Salvador e melloras nas comunicacións por estrada.

“Mantiven unha reunión co secretario general de Infraestructuras do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, na que se trataron diversos temas de competencia do ministerio de interese para este concello. Na xuntanza tamén estiveron o director general de Carreteras e o de Arquitectura, Vivienda y Suelo”, explicou a rexedora municipal, quen engadiu que “durante a reunión intereseime entre outras cousas pola posibilidade de obter fondos por parte da administración xeral do Estado para a restauración do mosteiro de San Salvador, monumento histórico artístico e ben de interese cultural que está situado no noso concello. Neste sentido por parte dos representantes do Ministerio de Fomento transmitíuseme a necesidade de elaborar con carácter previo un plan director de intervención neste ben de interese cultural. Neste senso para a vindeira semana xa teño concertada unha reunión co conselleiro de Cultura para poñernos a traballar sobre este plan director”.

Emma Álvarez comentou tamén que “no que se refire a actuacións sobre a rede viaria no noso concello propuxen o desenvolvemento dunha conexión entre a estrada Nacional 634 e a estrada LU-P-2802, da Deputación Provincial de Lugo, no lugar coñecido como Arroxo. Esta estrada é a que atravesa dende o val a parroquia de San Xorxe cara a Arroxo. Durante esta reunión quedou constatado que esta nova conexión permitiría acurtar máis dun quilómetro o traxecto actual para acceder desde a estrada da Deputación á autovía A-8, algo que é moi necesario para todo tipo de vehículos, pero sobre todo para os pesados, posto que daría cobertura non soamente ás parroquias do val de Lourenzá senón tamén aos concellos da Pontenova e de Riotorto. Con esta medida tamén se evitaría o fluxo de vehículos, tanto pesados como lixeiros, polo casco urbano. Neste sentido transmitíuseme que a proposta de conexión é viable tecnicamente e procederase a estudala con máis detalle por parte da Dirección General de Carreteras para analizar o seu custe e as alternativas que existen para o seu desenvolvemento e nos vindeiros días comunicarán unha solución”.

“Outro tema que preocupa bastante no noso concello, e a min persoalmente, é a problemática que xurde coas inundacións cando hai chuvias, producidas en parte polo drenaxe da autovía A-8, concretamente no rego de Recimil, que pasa polo casco urbano. En relación a este asunto acordouse o mantemento dunha reunión entre técnicos do Concello con representantes da Dirección General de Carreteras e de Augas de Galicia, da Xunta, para determinar a orixe desta problemática e de acordo con iso adoptar as medidas correctivas que sexan oportunas”, explicou a alcaldesa.

Néboas na autovía A-8

A rexedora tamén quixo coñecer “de primeira man as actuacións que está desenvolvendo o Ministerio de Fomento para resolver a problemática xerada polas néboas na autovía A-8 entre Lourenzá e Abadín. En relación a este asunto dende o ministerio indicáronseme as medidas extraordinarias de reforzo da sinalización e balizamento no treito que puxeron en marcha ata o día de hoxe por parte da Dirección General de Carreteras a fin de paliar este problema. Entre estas medidas está a instalación de balizas de néboa no pavimento, o reforzo dos sinais de alta reflectancia de limitación de velocidade ou a instalación de novos pórticos con paneis de mensaxes variables a efectos de informar aos usuarios da autovía acerca das condicións meteorolóxicas, restricións de tráfico, incidencias e desvíos, no seu caso. Así mesmo informóuseme por parte do Ministerio de Fomento que, de cara a resolver de forma definitiva a problemática asociada a estes episodios de néboa, decidiron apostar polo desenvolvemento dun proxecto de I+D+I que determine e desenvolva a solución máis vantaxosa para solucionar a problemática asociada á meteoroloxía existente neste tramo da autovía. Deste xeito está previsto que proximamente dende a Dirección General de Carreteras convoquen un concurso de ideas que permita iniciar o procedemento de estudo, validación e desenvolvemento das alternativas idóneas para solucionar este problema. Eu, como representante de todos os veciños de Lourenzá, agardo que este traballo sexa rápido e que por fin se dea coa solución a esta problemática”.

 

A ALCALDESA REUNIUSE EN MADRID CON RESPONSABLES DE FOMENTO E SOLICITOULLES FONDOS PARA RESTAURAR O MOSTEIRO DE SAN SALVADOR E MELLORAS NAS COMUNICACIÓNS POR ESTRADA