A ALCALDESA SOLICITA A AUGAS DE GALICIA A LIMPEZA DO RÍO BAOS, QUE SE DESBORDOU DEBIDO AS INTENSAS CHUVIAS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, solicita ao ente público autonómico Augas de Galicia a limpeza do río Baos, que se desbordou debido as intensas chuvias caídas nas últimas horas.

A rexedora municipal explicou que “no día de onte sorprendéronnos en Lourenzá as consecuencias das chuvias que se produciron no veciño concello de Mondoñedo, sobre todo nas zonas altas, como o Campo do Oso. Os problemas que tivemos foi o desbordamento do río Baos entre Santo Tomé e San Xorxe, dende o lugar do Cristo ata Barburiña, aproximadamente uns dous quilómetros. A auga levou por diante troncos, afectou a varios campos e incluso terras de millo e de fabas quedaron anegadas. O muíño do Pereiro estaba totalmente cheo de auga e en estradas municipais tivo que ser minorado o tráfico durante o tempo que durou esta chea repentina”.

Emma Álvarez engadiu que “foi de xeito súbito posto que en menos de media hora o nivel do río pasou de ser normal para a época do ano na que estamos a desbordarse; incluso no embalse municipal que está situado no río Baos, xusto na zona limítrofe co concello de Mondoñedo, estivo a piques de desbordar”.

A alcaldesa comentou que “estas riadas consideramos que poden ser debidas a tres factores: en primeiro lugar a cantidade de auga que choveu no concello limítrofe; e despois dúas causas que si se poderían evitar, que son por un lado o estado dos ríos, que non están limpos, sobre todo o Baos, polo que hoxe mesmo mandamos unha solicitude á Augas de Galicia para que dalgunha maneira do xeito máis rápido posible se proceda á limpeza da canle do río Baos nestes dous quilómetros de percorrido. E, por último, consideramos que a cantidade de auga tamén se pode deber a que cando se fixo a autovía canalizáronse augas que antes discorrían monte abaixo, co cal moitas íanse filtrando no terreo pero agora veñen canalizadas polo que van máis rápido e tamén é máis a cantidade de auga a que chega ao río. Por iso un técnico municipal está agora mesmo facendo un informe para poder ver as repercusións que tiveron as obras da autovía na crecida do río e así poder dirixirnos tamén ao Ministerio de Fomento para que dalgún xeito traten de resolver esta problemática”.

Declaracións da alcaldesa (MP3)