Lourenzá, 7 de xuño de 2013. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, mantivo unha reunión en Santiago co director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e co secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto; para promover a creación en Lourenzá dunha cooperativa que comercialice a faba da Mariña lucense a través da marca Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá.
A rexedora municipal lembrou que a idea de facer unha cooperativa comercializadora de Faba de Lourenzá “xa hai tempo que rolda entre os produtores e o Concello leva anos tratando de apoiar esta iniciativa. Tamén a Xunta de Galicia dende fai décadas ven realizando un importante esforzo para darlle pulo á utilización do cooperativismo como unha vía para acadar un desenvolvemento económico equilibrado e integrador”.
“No caso da Faba de Lourenzá parécenos moi apropiada unha fórmula cooperativa, xa que a finalidade última consiste en prestar servizos e satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios. E neste caso o servizo que se daría sería a comercialización conxunta dun produto de gran valor gastronómico e que xa ten o seu nome recoñecido no mercado, pero falta chegar a un consumidor final ou a unha tenda para tratar de eliminar intermediarios e poder sacarlle un maior beneficio a este produto que con tan bo facer obteñen os produtores de toda A Mariña lucense”, explicou Emma Álvarez.
A alcaldesa tamén comentou que o obxectivo da reunión celebrada en Santiago é que “colaboren as dúas consellerías, a de Medio Rural e a de Traballo, para aportar un traballo de campo elaborado por un técnico especializado para ver in situ a viabilidade e tratar xa con potenciais socios para a creación dunha cooperativa. Ámbalas dúas consellerías ven nisto unha oportunidade de valorizar a Indicación Xeográfica Protexida, o que contribuirá a conseguir un incremento no prezo do produto”.
Álvarez Chao considera que se esta iniciativa culmina con éxito “servirá para fixar postos de traballo tanto en Lourenzá como no resto de concellos da zona que se dedican á produción de faba” e aclarou que “aínda que nun principio xurde a idea dunha cooperativa comercializadora serán os propios socios, baixo o principio da cesión voluntaria e aberta e a xestión democrática, os que consideren que tipo de cooperativa queren facer. Nun principio nós estámola orientando cara a unha cooperativa comercializadora pero nun futuro pode ser mesmo produtora e incluso subministradora daqueles materiais que utilizan en conxunto”.
A rexedora local tamén deu a coñecer hoxe que “ao fío disto o director xeral de Relacións Laborais anuncioume que durante este mes vai saír unha orde de apoio para consolidar as cooperativas, para incorporar socios e traballadores, na que tamén se van englobar os gastos do primeiro ano de funcionamento dunha cooperativa. Polo tanto a idea é que ese traballo de campo estea concluído antes de que remate o prazo para poder solicitar esas axudas e así que a cooperativa poida saír xa de antemán cunha parte subvencionada pola Xunta de Galicia”.