AUMENTA O NÚMERO DE PRODUTORES QUE VENDERÁN NOS MERCADOS DA FESTA DA FABA DE LOURENZÁ QUE HABERÁ O SÁBADO E O DOMINGO NAS CASETAS INSTALADAS NO CANTÓN

A presidenta do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, Carmen Seijo, anunciou hoxe que aumenta respecto aos anos anteriores o número de produtores que venderán nos mercados da Festa da Faba que haberá o sábado e o domingo, 4 e 5 de outubro, nas casetas instaladas no Cantón.

“Na Festa da Faba os anos anteriores contábamos con nove fabeiros e este ano haberá dez nas casetas que estarán situadas no Cantón. Todos os produtores que participan están inscritos dentro da Indicación Xeográfica Protexida, na que os envases de fabas son dun quilo e de medio, aínda que tamén hai outros maiores, que son para a restauración: hoteis, restaurantes e ese tipo de mercado”, explicou Carmen Seijo, quen tamén comentou que “o mercado de venta ao por maior realizarase o domingo á mañá e alí véndese a faba a granel. Aínda que non cumpren os mesmos requisitos que esixe a IXP e non van envasadas son, máis ou menos, cultivadas da mesma maneira e cos mesmos procesos”.

Seijo destacou tamén que na IXP Faba de Lourenzá “estábamos inscritos 35 produtores e este ano hai 12 máis debido á creación da cooperativa, para o que se esixiu integrarse dentro da Indicación Xeográfica Protexida; e seguimos sendo 5 envasadores. O ano pasado comercializáronse a través da IXP arredor de 10.000 quilos de fabas e cultívanse 33 hectáreas, sen contar coas dos novos produtores que entraron. Ademais destes produtores que envasan as súas fabas tamén hai venda nos mercados dominicais, porque toda a faba non pode ser vendida por mediación da IXP, incluso por parte dos propios produtores que estamos na IXP posto que non hai comercialización para sacala. Tamén hai produtores que venden a granel nas súas explotacións. A estes produtores animámolos a que entren na Indicación Xeográfica Protexida para así sacar un maior rendemento económico; e agora con máis ímpeto aínda, xa que contamos cunha cooperativa comercializadora de faba para a que estamos en proceso de definir marcas e logotipos; e tamén estamos levando a cabo un estudo de mercado”.

 

AUMENTA O NÚMERO DE PRODUTORES QUE VENDERÁN NOS MERCADOS DA FESTA DA FABA DE LOURENZÁ QUE HABERÁ O SÁBADO E O DOMINGO NAS CASETAS INSTALADAS NO CANTÓN