Lourenzá, 04 de decembro de 2012. Representantes das axencias de desenvolvemento local (ADL) da Mariña xuntáronse onte, luns, no salón de actos do Concello de Lourenzá para seguir traballando nunha iniciativa sobre proxectos de xestión conxunta ou concentracións de propiedade de montes.
Na reunión estiveron o xefe do Servizo Provincial de Montes, Miguel Cela, e alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, que falaron da nova Lei de Montes e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).
O axente de desenvolvemento local de Lourenzá, José Cuadrado Oural, explicou que “este proxecto concluirá a mediados deste mes de decembro cunha visita a Trabada na que participarán técnicos e propietarios de montes para ver sobre o terreo un exemplo de boas prácticas sobre iniciativas deste tipo”.