Lourenzá, 12 de novembro de 2015. O vindeiro mércores, 18 de novembro, comeza na biblioteca municipal de Lourenzá o programa de actividades de animación á lectura que este centro organiza para nenos e nenas de tres a sete anos de idade.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, sinala que “debido á alta participación, que ascende a 20 cativos, e a que os asistentes son de idades diferentes, vanse realizar grupos, quedando as actividades a realizar para as tardes dos mércores e xoves”.
López destacou tamén que “con este programa preténdese inculcar o interese polo mundo da lectura dende as primeiras etapas dos nenos e nenas. Para iso levaranse a cabo unha serie de técnicas adaptadas a cada idade, onde o xogo e a narración oral dos contos van ter un papel moi importante. Tamén se pretende dar a coñecer unhas pautas ós pais e nais para que a lectura ocupe un lugar importante nas familias”.
Para este mes de novembro e primeira quincena de decembro vaise traballar arredor da temática do outono e todo o que iso leva asociado. “En datas próximas faranse actividades dirixidas a outros grupos de idades para deste xeito dinamizar a biblioteca e que sexa un lugar vivo e de referencia para a cultura dos laurentinos”, afirmou a rexedora municipal.