A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLERÁ ESTE VENRES O ESPECTÁCULO CÓNTOCHE UN TRAXE, DE MONTSERRAT RIVERA, PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A biblioteca pública municipal de Lourenzá acollerá este venres, día 15, ás 18:30 horas o espectáculo Cóntoche un traxe, a cargo de Montserrat Rivera, para conmemorar o Día das Letras Galegas.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “dende o Concello de Lourenzá vimos de presentar a actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas nesta edición de 2015. Vai ser este venres, 15 de maio, ás seis e media da tarde na biblioteca pública municipal Juana de Ibarbourou. É unha actividade para tódolos públicos, con acceso libre e trátase do espectáculo Cóntoche un traxe, que correrá a cargo de Monsterrat Rivera, unha das integrantes do grupo Leilía. Esta actividade chega ao noso concello a través do circuíto Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia, que convoca e organiza a Xunta de Galicia e que integramos dentro da nosa programación cultural deste ano 2015”.

Lupe Flórez especificou que “o espectáculo trátase dunha maneira divertida de explicar que pezas tiña a roupa dos nosos devanceiros e a persoa que vai levar a actividade explicaranos e xogaremos a vestirnos como facían os nosos devanceiros. Vamos ver desta maneira as diferenzas que hai entre o antes e o agora, tanto a nivel de prendas como da filosofía de vida que implicaba o vestiario ao longo dos anos. Temos tamén previsto dentro desta actividade, xa que así nolo propuxo Monsterrat Rivera, que quede de recordo unha fotografía do traxe tradicional a través dunha especie de photocall dun traxe tradicional feminino e masculino para os participantes na actividade”.

 

A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLERÁ ESTE VENRES O ESPECTÁCULO CÓNTOCHE UN TRAXE, DE MONTSERRAT RIVERA, PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS