A BIBLIOTECA MUNICIPAL ACOLLERÁ O VINDEIRO LUNS, DÍA 24, UN OBRADOIRO A CARGO DE CAXOTO CONTACONTOS, QUE PRESENTARÁ A INICIATIVA A TRASTENDA DOS CONTOS. ESTA ACTIVIDADE CELÉBRASE PARA CONMEMORAR O DÍA DA BIBLIOTECA

A biblioteca municipal Juana de Ibarbourou, de Lourenzá, acollerá o vindeiro luns, día 24, un obradoiro a cargo de Caxoto Contacontos, que presentará a iniciativa A Trastenda dos Contos. Esta actividade, que se celebra para conmemorar o Día da Biblioteca, leva por título A miña biblo mola!

A alcaldesa laurentina, Rocío López, anunciou hoxe que “esta iniciativa ten como obxectivo que os usuarios e usuarias habituais poidan presumir de biblioteca. Haberá un obradoiro de A Trastenda dos Contos, a cargo de Caxoto Contacontos, da Coruña, que finalizará cun videoclip lúdico. Terá lugar nas instalacións da biblioteca municipal o luns 24 de outubro de 11 a 13 horas e nel van participar os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria do CEIP Juan Rey, de Lourenzá”.

A rexedora municipal salientou que “é importante fomentar a práctica da lectura entre os máis novos e familiarizalos co uso da biblioteca como lugar de estudo e de lectura”.

Esta actividade da biblioteca pública municipal de Lourenzá forma parte do programa Ler conta moito, promovido pola Consellería de Cultura, da Xunta de Galicia.