A cabalgata dos Reis Magos en Lourenzá, que se celebrará o vindeiro luns, 5 de xaneiro de 2015, sairá nesta ocasión de San Xurxo para percorrer todas as parroquias do concello. Con esta actividade rematará o programa de actos de Nadal no municipio, iniciado coa visita de Papá Noel, que contou con numerosa presencia de nen@s e pais.
A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “a cabalgata de Reis pon o peche de ouro á programación do Nadal. Será o vindeiro luns, 5 de xaneiro, e como nestas últimas edicións manteremos o percorrido polo val. Os anos anteriores empezou nas parroquias de San Adriano e Santo Tomé, cos concertos de panxoliñas do coro parroquial de Vilanova, e nesta ocasión, para ir rotando polas parroquias do val, tócalle comezar na de San Xurxo. Así pois sobre as 5 da tarde os Reis Magos van chegar a igrexa desta parroquia e alí asistirán a un concerto de panxoliñas que nos ofrecerá o coro parroquial de Vilanova de Lourenzá. Posteriormente van dirixirse á parroquia de Santo Tomé, farán unha pequena parada fronte ao campo da igrexa e alí saudarán a tódolos presentes. De seguido van continuar o percorrido polo val para visitar a parroquia de San Adriano e alí, tamén no campo da igrexa, van deter a súa carroza para saudar a tódalas persoas que se acheguen a contemplar o seu paso”.
Lupe Flórez engadiu que a cabalgata chegará a Vilanova arredor das 6 da tarde e “ímonos dirixir ao albergue de peregrinos e dende este punto, no entorno da praza da Gracia, comezará o tradicional percorrido que cada ano leva ás súas maxestades por distintas rúas do casco urbano de Vilanova. Unha vez rematado o desfile subirán ao balcón das oficinas municipais e dende alí darán o seu tradicional discurso a todos os que se congreguen na praza do Conde Santo. E finalmente van recibir a todos os nenos de maneira individual nas escalinatas de acceso ás oficinas municipais. Sobre as oito da tarde contamos que estea rematada esta recepción real e finalmente pecharemos o día cun espectáculo de humor, circo e maxia, especificamente dirixido ao público infantil e familiar, que terá lugar no salón de actos”.
Para rematar a concelleira de Educación destacou que “unha serie de entidades colaboran co Concello, que é o que organiza a actividade, teñen a ben doarnos unha serie de materiais de merchandising, lambetadas, etcétera para contribuír ao desenrolo desta cabalgata. Estas actividades, ás que queremos agradecer a súa colaboración, son: a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL), a empresa Begasa, Sogama e as entidades bancarias de Lourenzá Abanca, Caixa Rural e Banco Santander, que ofrecen como agasallo os caramelos que as súas maxestades lanzan aos nenos durante os seu percorrido por Lourenzá”.