Lourenzá, 24 de novembro de 2012. O salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá acollerá o vindeiro martes, día 27 de novembro, ás sete e media da tarde unha charla sobre a nova normativa para a contratación de empregadas do fogar.
A concelleira de Educación, Cultura e Turismo, María Guadalupe Flórez Seivane, anunciou que “o acto está organizado polo Concello de Lourenzá, a través do Punto de Información ás Mulleres (PIM) local, que depende do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Mondoñedo, co que temos un convenio”. A charla leva por título "A afiliación á Seguridade Social das empregadas do fogar".
Lupe Flórez explicou que esta iniciativa “xurdiu porque coa nova normativa en materia de afiliación das empregadas de fogar xorden dúbidas sobre os pasos a seguir e trámites a realizar tanto por parte das empregadas do fogar como para os seus contratantes. Así pois, tratarase de explicar as variacións que houbo na materia así como as distintas opcións de contratación tanto desde o punto de vista do traballador como do contratante”.
A charla correrá a cargo de Fátima Rodríguez, que é avogada no CIM mindoniense.