Lourenzá, 20 de marzo de 2013. O libro titulado El Pazo de Tovar: espacios, perspectivas, tiempos será presentado no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá este venres, día 22 de marzo, á unha da tarde.
No acto participarán a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao; a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua; o vicedirector do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e investigador principal do proxecto titulado A cultura dos pazos en Galicia: o pazo de Tovar, Antón Pazos; e o autor do libro, Carlos Andrés González Paz.
Ao final do acto venderanse exemplares do libro a 4,5 euros, que “é o prezo de custe”, explicou a alcaldesa de Lourenzá.
O Pazo de Tovar data do ano 1530 e atópase na parroquia laurentina de Santo Tomé. A fortaleza ten unha gran importancia histórica, xa que foi levantada por Antonio de Tovar a instancias do emperador Carlos V. É unha das obras máis destacadas en Galicia do gótico isabelino e sitúase moi preto do Camiño de Santiago.