A CASA DO CONCELLO ACOLLERÁ O DÍA 21 DESTE MES UNHA CHARLA SOBRE O PROCESO DE TRAMITACIÓN DE AXUDAS DIRIXIDAS A FOMENTAR A SILVICULTURA NOS MONTES

O Concello de Lourenzá organiza para o vindeiro martes, 21 de outubro, unha charla informativa para dar a coñecer aos veciños o proceso que deben levar a cabo se queren solicitar axudas para fomentar a silvicultura. Están tramitadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ofrecen achegas de ata o 50% no investimento de particulares e comunidades de montes que efectúen traballos de poda ou roza forestal. A conferencia levarase a cabo ás 20:30 horas no salón de actos da Casa do Concello, e estará impartida por Ramón Rozadillas, xefe do servizo de Montes da Consellería de Medio Rural en Lugo.

Os asistentes poderán coñecer neste acto todo o referido á técnica da silvicultura, consistente en cultivar e coidar os bosques forestais para obter deles unha produción sostible e continuada. Así mesmo, os interesados descubrirán cales son os pasos que deben seguir á hora de tramitar as súas solicitudes para poñer en práctica esta técnica forestal.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou que “o martes 21 de outubro terá lugar na Casa do Concello unha charla informativa sobre a orde de axudas que foi publicada en días pasados, que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva e que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Esta orde leva consigo beneficios para os solicitantes de ata o 50% do investimento para rareos, rozas ou podas. Nela poderán participar tanto particulares coma comunidades de montes. O prazo para solicitalas e dun mes dende que foi publicada, o pasado 2 de outubro, co cal remata o prazo para pedila o vindeiro 3 de novembro. Esperamos que sexa de interese para os produtores de madeira do noso concello e que estes asistan para saber de primeira man con que axudas contan para facer este tipo de silvicultura no monte”.

A CASA DO CONCELLO ACOLLERÁ O DÍA 21 DESTE MES UNHA CHARLA SOBRE O PROCESO DE TRAMITACIÓN DE AXUDAS DIRIXIDAS A FOMENTAR A SILVICULTURA NOS MONTES