Lourenzá, 5 de xuño de 2013. O xurado do concurso de fotografía para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente en Lourenzá reuniuse hoxe para elixir aos mellores dos 77 traballos presentados. Todos eles serán expostos e os premios entregaranse o día 11 deste mes ás oito da tarde no salón de actos do Concello, onde a continuación haberá unha charla sobre a conservación da natureza a cargo de Miguel Delibes de Castro.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “hoxe, 5 de xuño, é o Día do Medio Ambiente e ven de dar o seu veredicto o xurado do concurso de fotografía para conmemorar este día aquí, no concello de Lourenzá. Esta actividade foi organizada pola Consellería de Medio Ambiente, polo Concello de Lourenzá e pola Obra Social La Caixa, dentro da Semana do Medio Ambiente, que iniciamos xa o pasado sábado cunha xornada de voluntariado na que estivemos limpando no río Baos”.
O xurado do concurso escolar de fotografía estaba composto por: dous representantes designados polo Concello, que foron o fotógrafo do xornal El Progreso Antonio López e a fotógrafa laurentina Lucía Valea; como representantes designados polos centros educativos estivo a directora do IES San Rosendo, de Mondoñedo, María José Cuesta, e unha mestra do CEIP Juan Rey, de Lourenzá, Alejandra Irimia; e en representación do Servizo de Conservación da Natureza estivo o xefe de prensa da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Ernesto Riveira, tamén a xefa da sección de Biodiversidade, María José Meilán, e o xefe da sección de Caza e Pesca Fluvial, Xabier Bruña.
Na categoría de terceiro ciclo de Primaria, que corresponde aos alumnos de 5º e 6º, gañou o primeiro premio Iván García Álvarez e o segundo recaeu en Ana Baña García. O primeiro levará unha bicicleta e o segundo premio é un monopatín. En canto ás categorías de ESO e BAC, nesta segunda declarouse deserto o segundo premio e o primeiro gañouno María Regal Basanta, que recibirá unha cámara de fotos dixital. Ao quedar deserto o segundo decidiuse dar un terceiro premio dentro da categoría de ESO, pois o establecido era dous por categoría. Co cal o primeiro premio correspóndelle a Codés Lillo Irimia, que levará tamén unha cámara de fotos dixital; o segundo é para Ana Losada Lombardía e o terceiro gañouno Melba Paz Mora, que serán obsequiadas cun libro electrónico cada unha. Este terceiro premio decidiuse facer polo elevado número de participantes que había na categoría de ESO.
En total presentáronse 77 traballos, polo cal Emma Álvarez destacou que “tivo unha boa acollida esta iniciativa”.
Ademais a rexedora municipal anunciou que “os premios serán entregados o vindeiro martes, 11 de xuño, ás oito da tarde nun acto co que remataremos esta Semana do Medio Ambiente e que inclúe tamén, ás oito e media da tarde, unha conferencia impartida polo doutor Miguel Delibes de Castro, que é profesor de investigación e neste momento é presidente do consello de participación do espazo natural de Doñana. A charla leva por título ¿Por que conservar a natureza?”
As 77 fotografías presentadas ao concurso poderán verse na sala de exposicións do Concello dende pasado mañá, venres, ata o día 14 deste mes en horario de cinco a oito da tarde.