Lourenzá, 21 de maio de 2013. A charla informativa organizada para este mes de maio polo Concello de Lourenzá dedicarase ás sociedades de fomento forestal. Será o vindeiro luns, día 27, ás 21 horas no salón de actos da Casa do Concello.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “mes a mes facemos charlas informativas de distintos temas de actualidade e de interese para os veciños e veciñas de Lourenzá. A deste mes de maio será o próximo luns, día 27, ás 21 horas no salón de actos da Casa do Concello e leva por título As sociedades de fomento forestal: unha nova forma de agrupación da propiedade forestal. Nesta charla intervirán dous relatores: Ramón Rozadillas, que é o xefe de servizo de Montes en Lugo; e tamén Miguel Cela, subdirector xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, da Xunta”.
“Decidímonos a facer esta charla por un simple motivo: vivimos nunha Galicia onde o minifundismo é o que reina no noso agro e sobre todo nos nosos montes, polo tanto é practicamente inviable levar a cabo explotacións forestais rendibles no eido do minifundismo, que temos hoxe en día. Polo tanto con esta nova figura de fomento forestal o que se está a reivindicar é que os propietarios de parcelas forestais se agrupen para que fagan unha xestión conxunta dos seus montes e con isto poidan ter rendementos económicos positivos”, explicou Emma Álvarez.
A rexedora municipal considera que “este é un tema moi interesante para os propietarios forestais. Polo tanto animamos a que veña o maior número posible de donos de montes. Como ven sendo habitual invitamos aos portavoces da oposición e a tódolos presidentes de asociacións de veciños para que fagan esta invitación extensible a todos os seus asociados. E desde o Concello queremos facer un chamamento para que acuda o maior número de xente posible porque hai zonas do concello que poden ser susceptibles de facer unha sociedade de fomento forestal”.
Cambio da festividade de Santa Rita
Os traballadores do Concello de Lourenzá trasladan a festividade de Santa Rita, que se celebra mañá, mércores, ao venres, día 24. Ese día estarán pechadas as dependencias municipais, pero mañá funcionarán con normalidade e co horario habitual.