A CHARLA INFORMATIVA SOBRE A LIÑA ELÉCTRICA BOIMENTE-PESOZ AO SEU PASO POR LOURENZÁ. A ALCALDESA ANUNCIOU QUE PRONTO HABERÁ OUTRA PARA OS HERDEIROS DOS 145 VECIÑOS DE CANEDO QUE TEÑEN PARTE NUN MONTE ABERTAL QUE SE VERÁ AFECTADO POR ESA INFRAESTRUCTURA

Lourenzá, 23 de xullo de 2013. A charla informativa sobre a liña eléctrica Boimente-Pesoz ao seu paso por Lourenzá resultou moi interesante, segundo a alcaldesa, Emma Álvarez, quen lembrou que se organizou para satisfacer a petición realizada polos propios veciños.

A rexedora dixo que “esta charla organizámola por aclamación do pobo, foron os veciños do lugar os que nos pediron que a tivésemos para que eles soubesen realmente por onde vai o trazado, cómo é proceso de tramitación dos expedientes e en caso de haber algunha expropiación como se levaría a cabo”.

Para Emma Álvarez “a charla foi sumamente interesante. Algúns veciños estaban xa informados, pero outros non eran conscientes de que Rede Eléctrica de España pasa por unha zona que é un monte pro indiviso, polo tanto para poder recuperar o diñeiro que a empresa lles daría a eses veciños terían que constituírse como monte de varas”. A alcaldesa de Lourenzá subliñou que “desde o Concello ofrecémoslles a posibilidade de pasarlles toda a documentación que temos. Eu fixen persoalmente visitas ao arquivo histórico de Lugo e incluso a técnica de Cultura estivo tamén na notaría en Mondoñedo, porque foi unha partición xudicial e alí está recollido todo ese proceso. Todos os datos que temos imos pasarllos a unha xurista para que nunha posterior charla veña informar aos herdeiros dos 145 veciños de Canedo que teñen unha ou dúas partes nese monte abertal”.

Álvarez insistiu en que “quedará aberta unha futura charla, pero xa sería concretamente para os herdeiros desas 145 persoas que teñen parte nese monte abertal. Cando teñamos a data de celebración desa conferencia faremos pública a listaxe con todos os propietarios que naquel entonces tiveron unha porcentaxe para que os seus descendentes o recoñezan a poidan asistir a esta charla. Temos xa esa relación aquí, no Concello, a disposición de quen queira pasarse a sacar unha copia ou simplemente a comprobar si algún antepasado del ou deles figura nesa listaxe”. 

charla lourenza

charla lourenza