Lourenzá, 12 de decembro de 2013. A charla informativa deste mes organizada polo Concello está programada para o día 19, xoves, ás 21 horas no salón de actos da Casa do Concello e tratará sobre o sector forestal galego. Correrá a cabo do laurentino Jesús Sánchez Rocha, que é doutor enxeñeiro de Montes e profesor de Industrias Forestais na Escola Politécnica Superior de Lugo.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou que “o vindeiro xoves, día 19, ás nove da noite no salón de actos da Casa do Concello teremos unha nova charla relacionada co sector forestal. Desta maneira retomamos as charlas mensuais que dende hai xa un ano vimos facendo. Nesta ocasión o título da charla é o sector forestal galego e teremos con nós a un veciño que é unha persoa moi coñecedora do sector forestal. Trátase de Jesús Sánchez Rocha, que é doutor enxeñeiro de Montes e profesor de Industrias Forestais da Escola Politécnica Superior de Lugo. Aparte disto ten 23 anos de experiencia en empresas forestais, polo que é gran coñecedor desta materia non soamente pola parte académica senón tamén porque viviu moi de preto o que é o sector. Ademais é autor de varios libros, entre eles La industria del aserrado en la provincia de Lugo ou La industria del aserrado en Galicia”.
A rexedora municipal explicou que “nesta charla tratamos de reflexionar do que está pasando co monte en Galicia. Entón dividirase en tres partes: por un lado, a idea que hai fóra de España sobre o sector forestal; outra parte vai dedicala a falar do sector forestal en España, para despois centrarse en Galicia dende o punto de vista de vista do sector, tanto no que se refire ao mercado, os prezos, as sinerxías que debemos aproveitar nos nosos montes, así como tamén os inconvenientes, como poden ser o minifundismo e a falta de rendibilidade”.
Emma Álvarez anima “á xente a que acuda a esta charla, porque vamos falar das posibilidades que ten o noso monte e por parte dunha persoa que é do noso concello, coñece moi ben o noso territorio e tamén o sector. Polo tanto vamos falar de rendementos, de rendibilidade de distintas especies; é dicir, temas moi xerais pero cun punto de vista non soamente académico senón tamén práctico”.