A CHARLA SOBRE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO CONTARÁ CON TRES PARTICIPANTES: MANUEL ROMÁN, FRANCISCO DOMÍNGUEZ E XOSE LUIS ANXEMIL

Lourenzá, 31 de outubro de 2013. A charla coloquio sobre Francisco Fernández del Riego que se celebrará este sábado, día 2 de novembro, no salón de actos da casa de cultura de Lourenzá contará con tres participantes: o escritor Manuel Román; o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez; e Xosé Luis Anxemil, membro do equipo de coordinación lingüística da Xunta de Galicia en Lugo. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane.

A mesa redonda titulada Galicia no espello. Reflexos de Francisco Fernández del Riego é un dos actos que se van desenvolver este sábado “para recordar a figura de don Francisco Fernández del Riego na lembranza do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello de Lourenzá”, explicou Lupe Flórez, quen destacou que “terá como poñentes a tres grandes coñecedores, e nalgún caso amigos persoais, de don Paco. Faremos unha perspectiva desde o ámbito máis próximo a Lourenzá, a súa vinculación máis directa e familiar, ata o ámbito de maior transcendencia a nivel académico e literario”.

A edil de Cultura deu a coñecer aos participantes na charla. Sobre Manuel Román Ramos comentou que “é gran coñecedor e amigo persoal de don Paco, coautor xunto a Xosé González de dous libros sobre a súa figura: o primeiro deles titulado Vivir unha vida e a reedición e ampliación do mesmo, titulada Lume aceso. A súa intervención versará basicamente sobre a relación que unía a don Paco coa súa vila natal, Lourenzá, e seu ámbito máis familiar e próximo”. O director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez, falará sobre “a achega que Francisco Fernández del Riego fixo á lingua e a cultura galegas desde a Fundación Penzol”. E a intervención de Xosé Luis Anxemil, membro do equipo de coordinación lingüística da Xunta de Galicia en Lugo, “versará sobre o aspecto do labor académico e institucional que don Paco realizou”.

Lupe Flórez espera que o acto “resulte do maior interese para os veciños de Lourenzá e de lugares limítrofes, que poderán coñecer un pouco máis en profundidade aqueles aspectos máis descoñecidos da figura de don Paco, os que quedaron fóra da súa vida pública, de tipo anecdótico, de carácter familiar, etcétera”.

A mesa redonda desenvolverase despois da inauguración da exposición titulada Francisco Fernández del Riego: cos ollos do seu espírito. Centenario do nacemento, acto que está programado para as doce do mediodía.