Lourenzá, 7 de febreiro de 2013. Lourenzá iniciou os distintos actos que con motivo do Entroido se van desenvolver no municipio organizados por distintas asociacións e tamén polo Concello. No día de onte celebrouse o primeiro deles, que foi o baile do taller de memoria, “onde unha ducia de persoas maiores e a profesora estaban disfrazadas”, explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
As actos continuarán mañá, venres, cando os nenos do punto de atención á infancia Meniños baixarán disfrazados e farán un pequeno percorrido polas rúas de Lourenzá. A maiores o vindeiro luns entre o Concello e a asociación Conde Santo celebrarase un baile infantil desde as cinco ás oito da tarde e a propia asociación organiza a partir das dez da noite un baile de disfraces para adultos con premios. Tamén a asociación de festas de San Antonio, na parroquia de Santo Tomé, celebra o seu baile de Carnaval o venres día 15 pola noite.
E o día grande dos actos de Antroido en Lourenzá será o día 17, domingo de Piñata, co xa tradicional percorrido polas rúas. Emma Álvarez destacou que “é un dos desfiles que máis afluencia de público ten da Mariña. Xa se converteu nunha cita case obrigada para todas as persoas que disfrutan do Antroido da Mariña e doutros lugares: hai que recordar que o ano pasado uns dos que gañaron un premio eran de Xinzo de Limia e había tamén un grupo de xente que viña dende a Coruña. Polo tanto xa é unha cita para tódolos amantes do Antroido. Este ano a asociación de comerciantes ACIAL repartirá 4.700 euros en premios, dos cales 2.000 é a achega que fai o Concello como maneira de dinamizar o comercio e o noso pobo”.