Comezaron as obras para a creación dun campo de fútbol de herba artificial para adestramento na zona deportiva de Santa Cruz (Lourenzá).
Anunciouno a alcaldesa laurentina, Rocío López, quen explicou que “empezaron as obras no campo de fútbol de adestramento de Santa Cruz, que consisten na escavación e no desmonte dos accesos e da pavimentación de céspede natural existente para posteriormente proceder á instalación de herba artificial. A obra está financiada grazas a un convenio de cooperación firmado coa Deputación Provincial de Lugo de 254.000 euros. Con isto culmínase unha demanda que nos veñen facendo os nosos deportistas desde que empezamos a gobernar”.
A rexedora municipal destaca que “en Lourenzá somos un referente no deporte tanto a nivel provincial como nacional e é de vital importancia ter unhas instalacións deportivas en perfecto estado se queremos seguir cunha boa práctica deportiva e continuar nesta mesma liña”.
Rocío López anuncia que “nos vindeiros meses seguirán estes traballos e esperamos que esta obra quede culminada canto antes, tanto a instalación do céspede artificial como a colocación dun sistema de rego, que tamén se vai mellorar no campo de herba natural existente actualmente nese lugar”.
As obras foron visitadas pola alcaldesa e o primeiro tenente de alcalde, Javier Huertas.