Lourenzá, 26 de xuño de 2013. Na reunión da comisión de goberno do Concello de Lourenzá celebrada hoxe acordouse sacar a concurso outra vez a explotación da cafetería do centro de servizos sociais, porque na anterior convocatoria quedara deserta. Tamén foron aprobadas as bases para a contratación de 8 persoas que se dedicarán á prevención e extinción de incendios.
En canto ás bases para a contratación de 8 traballadores que, en colaboración coa Xunta de Galicia, van contribuír á prevención e extinción dos incendios forestais a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou que “por un lado sacamos as bases para tres condutores da motobomba, que traballarán dende o 15 de xullo ata o 30 de outubro; e por outra parte sacamos para a brigada de prevención e extinción, que se encargará da roza de 5 hectáreas de terreo de titularidade municipal ou de descoñecidos e na que haberá un xefe de brigada e catro peóns condutores”.
A rexedora municipal engadiu que o Concello fará unha oferta pública ao Inem, que será “o máis ampla posible para que toda aquela persoa que está no paro teña a oportunidade de optar. Presentaremos a oferta cun mínimo de 2 persoas e un máximo de 10 por posto”.
Sobre a explotación da cafetería do centro de servizos sociais, coñecida como o bar do Torreón, Emma Álvarez lembrou que “xa saíra a concurso hai aproximadamente un mes e quedara deserto, polo que dende o equipo de goberno optamos por rebaixar o prezo de saída e dentro de tres ou catro días sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia cun prazo de 7 días para que os interesados presenten as súas propostas no Concello”.
As bases de todas estas convocatorias serán publicadas tamén na páxina web do Concello de Lourenzá.