Lourenzá, 27 de xullo de 2013. A comisión de goberno do Concello de Lourenzá adxudicou a xestión da cafetería do centro de servizos sociais, que está no Torreón do mosteiro de San Salvador, e as obras para mellorar e aforrar enerxía nos alumeados públicos do Pedrón e Villapol.
Respecto ao bar do centro social a alcaldesa, Emma Álvarez Chao explicou que “había unha única proposta, a cal se lle adxudicou, e ten un proxecto bastante atractivo baseado en actividades para nenos, mozos e as persoas maiores, que é unha parte fundamental”.
E sobre os alumeados públicos a rexedora municipal comentou que “unha vez coñecida a resolución do Inega sobre as melloras para aforro enerxético, que pedíramos conxuntamente os concellos de A Pontenova, Trabada e Lourenzá, vimos de adxudicar as obras para acometer en dous alumeados públicos por un importe de 26.250, 82 euros, dos que o Concello aporta 3.937,62 euros e o resto, que é o 85 por cento, está subvencionado polo Inega”.
Emma Álvarez engadiu que “un dos alumeados públicos é o do Pedrón, onde hai 11 puntos de luz que afectan a 2.310 metros cadrados e a mellora consiste en cambiar lámpadas de sodio de alta presión de 150 e 250 vatios, que hai agora mesmo, por LED de 30 vatios. O outro alumeado público, que é o de Villapol, é máis grande. Ten 52 puntos de luz e afecta a 10.920 metros cadrados. Neste temos a día de hoxe lámpadas de vapor de mercurio de 80 vatios, haloxenuros metálicos de 125 e sodio de alta presión de 70 vatios. O que faremos é cambiar todo isto e poñer, ao igual que no anterior alumeado, LED de 30 vatios”.
Para rematar a alcaldesa destacou que, como esta obra traerá como consecuencia un importante descenso no gasto de enerxía eléctrica, “aínda que temos que facer unha pequena achega de fondos propios, que son case 4.000 euros, contamos que en menos dun ano quedará amortizada esta inversión que fai o Concello”.