Lourenzá, 4 de abril de 2013. Despois da autorización que concedeu ao Concello de Lourenzá a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a execución do Museo e Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos Galegos a comisión municipal de goberno aprobou a licenza para iniciar a obra e tamén o procedemento para contratala, “que será a través de procedemento negociado sen publicidade, que é o que nos esixe a lei”, anunciou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
A rexedora municipal explicou que “neste caso habería que invitar a tres empresas a participar neste procedemento, sen embargo dende o Concello quixémolo facer extensible a todas aquelas que se interesaron nalgún momento por estas obras. En total son 9 as empresas que invitamos a participar para presentar os seus proxectos de cara a acometer estas obras no pazo de Tovar”.
Emma Álvarez lembrou que “nunha reunión mantida no mes de decembro, á que estaban invitados todos os construtores do noso concello, fixémoslles chegar que ía saír a concurso esta obra para que todos aqueles que estiveran interesados o dixeran, posto que o equipo de goberno considera que, dentro do posible, é preferible que sexan empresas do noso concello ou que dan traballo a xente do noso municipio as que fagan as obras do Concello”.
A alcaldesa anunciou tamén que na comisión de goberno “declarouse a obra como urxente e en dez días as empresas invitadas terán que remitir as ofertas oportunas. Ademais aprobamos o convenio co dono do pazo, José Ventoso, para asinar o financiamento e poder acometer esta obra na parte que non cubre a subvención que temos concedida do Agader”.
Local multiusos
Por outro lado, a comisión de goberno do Concello de Lourenzá tamén aprobou pedir unha subvención á Deputación de Lugo por importe de 6.112,51 euros “para adaptar como local multiúsos un espazo da nave gandeira que estamos utilizando para facer algún tipo de evento e queremos que cumpra con tódalas medidas de seguridade oportunas, como poden ser saídas de emerxencia ou ramplas de acceso para minusválidos”, explicou Emma Álvarez.