O Concello de Lourenzá, por medio da Delegación de Servizos Sociais, organiza este mércores, día 16, actividades con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que se conmemora o 19 deste mes. A fachada da Casa do Concello está iluminada de cor rosa desde onte á noite.
Mañá ás 17:00 horas haberá unha xuntanza no Torreón para despois facer un gran lazo rosa con plantas solidarias nun lugar emblemático de Lourenzá. Ás 17:45 horas terá lugar unha charla sobre apoio psicosocial a pacientes con cancro, que será impartida pola traballadora social Estefanía Corcoba Blanco. E as actividades rematarán ás 18:30 horas cunha merenda solidaria na que haberá mantecadas e chocolate.
Os donativos que se recollan serán entregados á Asociación Española Contra o Cancro.
Nestas actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais colabora Pastelería Cabaleiros.