A COOPERATIVA TERRAS DA MARIÑA ESTARÁ PRESENTE NA XXV FESTA DA FABA, QUE EMPEZA MAÑÁ E CELEBRARASE ATA O DOMINGO

A cooperativa Terras da Mariña estará presente na XXV Edición da Festa da Faba, que empeza mañá, venres, e celebrarase ata o domingo.

Os responsables da cooperativa explicaron que “todos aqueles que acudan á XXV Festa da Faba non poden deixar de pasar pola caseta de Terras da Mariña, onde se poderá obter todo tipo de información sobre a mesma, falar e intercambiar impresións e información de primeira man cos propios socios e produtores de Terras da Mariña”.

Ademais comentaron que “Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Galega, a primeira cooperativa galega dedicada á comercialización da Faba, constituíuse no 2014 e está formada por unha vintena de socios de toda a Mariña Lucense, que cultivan unhas 59 hectáreas, tanto de Faba de Lourenzá como de verdina, así como outras variedades de faba”.

E remataron anunciando que “Terras da Mariña Sociedade Cooperativa Galega comezará a comercializar nesta campaña garantindo unha moi exhaustiva trazabilidade do produto, asegurando unha excelente calidade e unha seguridade alimentaria e por iso a través da súa presenza nesta XXV Edición da Festa da Faba quere presentarse ao público en xeral con moitas novidades. Teremos á venda faba fresca, faba verdina e faba seca e como colofón, faremos unha pequena degustación de dúas receitas elaboradas con faba de Terras da Mariña: ensalada de fabas e fabas con bacallau, nun formato totalmente novo e que estará no mercado nas próximas datas”.

A COOPERATIVA TERRAS DA MARIÑA ESTARÁ PRESENTE NA XXV FESTA DA FABA, QUE EMPEZA MAÑÁ E CELEBRARASE ATA O DOMINGO