A CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBOU UN REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ, O QUE PERMITIRÁ QUE OS VECIÑOS TEÑAN VOZ NOS PLENOS

A corporación municipal de Lourenzá aprobou un regulamento de participación cidadá na sesión ordinaria celebrada onte, xoves. Isto permitirá que os veciños teñan voz nos plenos, segundo destacou a alcaldesa, Rocío López.

A rexedora explicou que “o máis importante deste regulamento é a creación de comisións veciñais en todas as parroquias e normas de funcionamento das asembleas veciñais. Tamén recolle a creación dun rexistro municipal de asociacións e as liñas básicas da información municipal”.

Para a alcaldesa “é un feito histórico, xa que por primeira vez neste municipio os veciños poderán participar nas sesións plenarias. Este regulamento supón o inicio da participación activa dos cidadáns de Lourenzá nos asuntos do municipio. O equipo de goberno está cumprindo así cunha das súas promesas electorais, que era escoitar e dotar de voz e participación aos veciños. Deste xeito os cidadáns de Lourenzá poderán participar de maneira activa nas sesións plenarias e aportar as súas ideas e proxeccións acerca dos temas que vaian incluídos na orde do día do pleno”.

Rocío López engadiu: “unha das primeiras medidas que levei a cabo como alcaldesa foi a modificación do horario das sesións plenarias para as 20:30 horas e estou contenta porque esa decisión está dando os seus froitos, xa que cada vez son máis os veciños e veciñas que asisten aos plenos. Estou convencida de que, do mesmo xeito, a aprobación deste regulamento de participación cidadá será un referente histórico para Lourenzá e seguramente un exemplo a seguir por outros moitos concellos da Mariña”.

Ademais a rexedora municipal laurentina recordou que prometeu aos seus veciños transparencia, compromiso e participación e dende que entrou como alcaldesa así o esta levando a cabo: “dixen aos meus veciños e veciñas que sería a alcaldesa de todos, que escoitaría as súas propostas e que os dotaría de participación e hoxe síntome orgullosa de que este regulamento saíse aprobado”.