A CORPORACIÓN MUNICIPAL CELEBRARÁ UN PLENO EXTRAORDINARIO ESTE XOVES NO QUE SE TRATARÁ A TARIFA PARA OS POSTOS QUE SE INSTALEN NO MERCADO DOMINICAL, QUE SE RECUPERARÁ DESPOIS DE CATRO DÉCADAS SEN CELEBRARSE

A corporación municipal de Lourenzá celebrará un pleno extraordinario este xoves, día 27 de agosto, ás 20:30 horas, sesión na que se tratará a aprobación da tarifa que deberán pagar os postos que se instalen no mercado dominical, evento que se recuperará despois de catro décadas sen celebrarase.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que “na sesión plenaria do 28 de abril deste ano acordouse a implantación dos mercados dominicais pero quedou pendente de aprobar a tarifa a aplicar aos postos, que será de 5 euros ao día, e por iso agora proponse a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo municipal de mercado”.

No pleno deste xoves tamén se tratarán outros asuntos, como unha moción do Partido Popular para promover a exposición da obra do veciño de Santo Tomé Paulino Pérez Varela durante a celebración da XXV Festa da Faba e dúas iniciativas do grupo municipal socialista: unha na que se propón a modificación da regulación dos festexos populares en Galicia e a outra para esixir a posta en marcha de medidas urxentes para garantir a supervivencia do sector lácteo galego.

Descargar convocatoria en PDF