A corporación municipal de Lourenzá celebrará un pleno ordinario mañá, xoves, ás 20:30 horas, sesión na que se examinarán as alegacións presentadas ao regulamento de participación cidadá.
A alcaldesa, Rocío López, recordou que “o máis importante deste regulamento de participación cidadá é a creación de comisións veciñais en todas as parroquias. Supón o inicio da participación activa dos cidadáns de Lourenzá nos asuntos propios do municipio. Este regulamento é un referente histórico para Lourenzá e con el o equipo de goberno cumpre cunha das súas promesas electorais, que era dotar de voz e participación aos veciños de Lourenzá. Deste xeito os cidadáns poderán participar de maneira activa nas sesións plenarias, explicando e defendendo as súas ideas e propostas”.
No pleno tamén se tratará a aprobación do convenio marco de colaboración para a xestión compartida do Servizo de Mantemento de Espazos Naturais nos concellos de Lourenzá e Trabada para o actual exercicio 2016. A rexedora municipal explicou que “o obxecto do presente convenio é fixar ás principais liñas de colaboración así como a coordinación, dirección, xestión, financiamento, organización e funcionamento do servizo de mantemento de espazos naturais e desbroce nos concellos de Lourenzá e Trabada, que se ven prestando de forma compartida entre os dous concellos. O mantemento e desbroce dos camiños e espazos naturais é un servizo importante e indispensable nun municipio. A prestación conxunta deste servizo supón un importante aforro de custos para ámbolos concellos, algo que de xeito individual sería inasumible”.
Na sesión estudarase ademais unha moción do Partido Popular sobre a exención puntual da taxa municipal de licenza de obra.