CRISTINA SARDINA NEIRA E ANTÍA LILLO IRIMIA FORON ELIXIDAS GAÑADORAS DO CERTAME DE POESÍA DE NADAL 2014 ORGANIZADO POLA BIBLIOTECA PÚBLICA DE LOURENZÁ

A Biblioteca Pública Municipal Juana de Ibarbourou de Lourenzá fixo público hoxe o listado de nenos e nenas que resultaron premiados na fase local do certame de Poesía de Nadal 2014. Todos eles recibirán os agasallos pertinentes nun acto de entrega que se celebrará na última semana deste mes, á espera de que se concrete nos próximos días a data, a hora e o lugar elixidos. Os seleccionados participarán ademais nas vindeiras semanas na fase provincial deste certame de poesía anual. No concurso establecéronse tres categorías, resultando Cristina Sardina Neira gañadora da categoría A (ata 8 anos), Antía Lillo Irimia gañadora da categoría B (de 9 a 11 anos) e quedando deserta a terceira categoría C (de 12 a 16 anos) ao non presentarse ningún traballo a concurso.

Os premios na categoría A completáronse cun segundo recoñecemento para Raúl López Alfonso e un terceiro a Noa Valiña Ginzo. Na categoría B resultaron tamén seleccionados os poemas de Claudia Carril Cabaleiro, en segundo lugar, e Safae Tazaghart en terceiro posto. A concelleira de Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, agradeceu “a participación a tódolos nenos que decidiron presentar os seus traballos e desexoulles sorte na fase provincial aos que resultaron seleccionados nesta edición”.