A Delegación de Cultura do Concello de Lourenzá ven de presentar a programación teatral que levará a cabo ata o mes de decembro. As representacións darán comezo o 15 de setembro coa compañía Argalleiras Teatro, de Chantada. Ademais esta programación inclúe a actuación do humorista galego Carlos Blanco o día 29 deste mes.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anuncia que “na programación teatral de outono do Concello de Lourenzá a primeira representación que imos ter vai ser o sábado día 15 de setembro coa compañía Argalleiras Teatro, de Chantada, que porá en escena a obra Comedia bífida. O sábado 22 de setembro a compañía A Peneda, de Monterroso, presentará a obra A cea dos idiotas. Estas dúas representacións pertencen ao programa Buxiganga, da Deputación Provincial, e serán ás oito da tarde no salón de actos do Concello”.
Manuel Arango salienta que “o sábado 29 de setembro temos a actuación de Carlos Blanco cos seus mellores monólogos. Forma parte do circuíto Cultura no Camiño, da Xunta de Galicia. Será ás oito e media da tarde no salón de actos do Concello e, debido ás limitacións que temos de aforo, poñeremos as entradas á venda a partir da próxima semana. O prezo será de 5 euros”.
O edil de Cultura en Lourenzá comenta tamén que “durante o mes de novembro, todos os sábados e domingos, terán lugar as representacións das obras seleccionadas para o segundo certame de teatro afeccionado Concello de Lourenzá. Recordarlles a todos aqueles grupos ou compañías interesadas en participar que o prazo para inscribirse remata o día 28 deste mes e que as bases están colgadas na web do Concello de Lourenzá”.
Arango subliña que “este ano temos como novidades a incorporación dun novo premio, que será concedido por votación popular, e o incremento da dotación do primeiro premio, que pasa de 600 a 750 euros. Na primeira quincena de decembro, aínda temos a data sen concretar, terá lugar a gala de entrega de premios e contaremos coa actuación dun grupo de teatro ou dun actor profesional”.
O concelleiro explica ademais que “para rematar o ano contamos tamén participar no circuíto de teatro profesional da Deputación de Lugo cunha representación, que previsiblemente será no mes de decembro”.
Para rematar Manuel Arango manifesta que “con esta programación queremos apoiar e potenciar o gusto que teñen os veciños e as veciñas do noso concello polo teatro e agradecerlles así o entusiasmo co que participan neste tipo de actividades”.