DEZ ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS OFRECERÁN MÁIS DE 20 TAPAS DIFERENTES DE BALDE CON MOTIVO DA FESTA DA FABA, QUE ORIXINA CORTES DE VARIAS RÚAS

Dez establecementos hostaleiros de Lourenzá ofrecerán máis de 20 tapas diferentes de balde con motivo da Festa da Faba. O evento orixina cambios no tráfico e varias rúas estarán cortadas. Anunciouno a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

“Este ano chegamos á sétima edición da Ruta de Tapas con Fabas de Lourenzá, que se celebra durante o vindeiro fin de semana coincidindo coa XXIV edición da Festa da Faba. Son varios os establecementos hostaleiros que participan nestas xornadas: Cafetería Galaxia, Café-Pub Trasgo, Cervexería O Recanto, Restaurante La Unión, Bar Cabaleiros, Café-Bar Cantón, Mesón Paraíso, Cervecería Morrigan, Bar Airiños do Castro e Bar O Torreón. Case ao completo están todos os bares e establecementos hostaleiros do concello de Lourenzá. Entre todos eles van elaborar máis de 20 tapas diferentes cuxo ingrediente principal é a faba de Lourenzá”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “a xente que se acerque ao noso concello vai poder degustar as fabas de Lourenzá de balde nestas tapiñas coa súa consumición o venres dende as 8 da tarde ata as 11 da noite e o sábado dende as 12 da mañá ata as 4 da tarde e posteriormente dende as 8 ata as 11 da noite. Así mesmo o domingo de 12 a 4 da tarde tamén se poderán degustar as fabas de Lourenzá en tapas de balde. O tapeo do venres estará amenizado polo grupo musical Aires do Padornelo, que percorrerá os distintos bares que participan nesta ruta. Este evento está patrocinado por Cerámicas Regal, que fixo os detalles para entregar ás mellores tapas, premios que serán entregados o sábado a mediodía. Tamén colabora a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá para que este evento se leve a cabo”.

En canto aos cambios no tráfico, alcaldesa fixo público un bando ao respecto e comentou que “co gallo da celebración da XXIV Festa da Faba e tamén das festas do San Marcial, que coinciden no vindeiro fin de semana, os días 3,4 e 5 de outubro, varias rúas do noso concello permanecerán pechadas ao tráfico. As afectadas son Travesía da Mariña, Avenida de Mondoñedo, Paseo de Olla, Praza Linares Rivas, Muíño do Frade, Avelino Montero Villegas e Secretario Luis Iglesias. A rúa Paseo de Olla xa quedará pechada dende o xoves día 2 de outubro a partir das 8 da mañá, e a Praza César Chavarría dende o mércores día 1 de outubro ás 7.30. O resto das rúas pecharémolas dende o venres ás 11 da mañá ata o vindeiro luns, día 6 de outubro. Así mesmo queda prohibido aparcar a ambos lados da rúa Casas Novoa ao longo de todo o sábado e todo o domingo, días 4 e 5 de outubro. Igualmente a parada de autobuses, que habitualmente está en fronte á Praza do Conde Santo, será trasladada durante este vindeiro fin de semana para a rúa Calvo Sotelo, xusto na Glorieta Xulio Minguillón, ao carón do Bar Cabaleiros”.

Bando sobre os cortes de rúas (PDF) 

Declaracións da Alcaldesa sobre os cortes de rúas (MP3)

Declaracións da Alcaldesa sobre a Ruta de Tapas (MP3)

DEZ ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS OFRECERÁN MÁIS DE 20 TAPAS DIFERENTES DE BALDE CON MOTIVO DA FESTA DA FABA, QUE ORIXINA CORTES DE VARIAS RÚAS