DEZASEIS GRUPOS PRESENTARON AS SÚAS OBRAS AO PRIMEIRO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO CONCELLO DE LOURENZÁ

Lourenzá, 11 de outubro de 2017. Dezaseis grupos presentaron as súas obras ao primeiro certame de teatro afeccionado Concello de Lourenzá. A próxima semana un xurado, formado por sete veciñas e veciños de Lourenzá e presidido polo concelleiro de Cultura, Manuel Arango, seleccionará as oito obras que participarán no evento.

O edil de Cultura explicou que “ao proceso de selección presentáronse dezaseis grupos cun total de dezasete obras, xa que unha das agrupacións presentou dúas a concurso. Estamos moi satisfeitos polo éxito da convocatoria, que agardamos que sexa tamén de público nas futuras representacións. Ademais de nove grupos de A Mariña, inscribíronse no concurso catro grupos de Asturias, un de Lugo e outro de Rianxo (A Coruña)”.

Manuel Arango tamén anunciou que “as obras seleccionadas serán representadas durante o mes de novembro e o primeiro domingo de decembro terá lugar a gala de entrega de premios, clausurando este certame cunha actuación do recoñecido autor e actor Cándido Pazó”.