Dúas nenas veciñas do municipio de Lourenzá resultaron premiadas na fase provincial do concurso de narración Letras Galegas 2015.
Antía Lillo Irimia, da Cazolga, conseguiu o terceiro premio na categoría de 9 a 11 anos co traballo titulado Ratonbotiño en London. E Antía Gutiérrez Gavín, de San Adriano, logrou o terceiro premio na categoría de ata 8 anos coa obra Un soño espléndido.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, recordou que “este concurso fallouse a nivel local no mes de maio e os gañadores desta fase que organizou a biblioteca pública municipal pasaron á provincial e competiron co resto dos traballos de todo Lugo”. Ademais anunciou que as dúas nenas de Lourenzá galardoadas “recibirán os premios provinciais nun acto organizado na Biblioteca Provincial de Lugo o venres 26 de xuño ás 8 da tarde”.