Lourenzá, 7 de decembro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, fixo un balance moi positivo do encontro que mantivo en Santiago de Compostela co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Álvarez declarou: “non podo máis que facer un balance positivo. Na xuntanza falamos de distintos temas e comprometeuse con Lourenzá e cos laurentinos para tratar de buscarlles solucións”.
A alcaldesa explicou que “un dos asuntos que analizamos foi o estado da fachada da igrexa do Mosteiro de San Salvador. O pasado 7 de abril caía un capitel de dita fachada e hai un informe de Patrimonio que di que outro capitel corre un pequeno risco de derrube. A día de hoxe esa zona está balada para evitar que poidan producirse danos. E o presidente comprometeuse xunto coa Diocese de Mondoñedo e co Concello de Lourenzá para de xeito inmediato tentar de solucionar este problema”.
Emma Álvarez indicou que “tamén falamos dun proxecto que leva anos sendo interesante para Lourenzá, que é poder converter o Campo dos Bolos nunha praza pública. E analizamos a posibilidade de seguir abondando na comercialización da faba ou da creación dalgunha cooperativa, de tratar de buscar xeitos para comercializar a faba, que é o noso produto estrela”.
Para a alcaldesa de Lourenzá un dos asuntos máis importantes abordados no encontro mantido hoxe co presidente da Xunta foi a accesibilidade ao CEIP Juan Rey. “Este centro foi construído a finais da década dos 70, precisa dun plan integral de remodelación e carece de calquera tipo de rampla que permita o acceso sen dificultades aos alumnos que acoden ao centro en cadeira de rodas. O presidente comprometeuse a facer de xeito inmediato as xestións oportunas para poder dotalo dunha rampla que mellore a súa accesibilidade”.
Emma Álvarez agradeceulle ao presidente da Xunta “a prontitude coa que me recibiu e o tempo que me dedicou para expoñerlle todos os asuntos que lles preocupan aos laurentinos e laurentinas”.