EMPEZARON AS OBRAS PARA MELLORAR O CAMPO DE FÚTBOL DE SANTA CRUZ CUN INVESTIMENTO DE 25.000 EUROS POR PARTE DO CONCELLO E DA XUNTA DE GALICIA

Lourenzá, 11 de outubro de 2013. Esta semana empezaron as obras para mellorar as instalacións do campo de fútbol de Santa Cruz, actuación que conta cun investimento de 25.000 euros por parte do Concello de Lourenzá e da Xunta de Galicia.

O concelleiro de Obras laurentino, Dino Vidal, explicou hoxe que “empezaron os traballos no campo de fútbol para arranxalo meténdolle a drenaxe e facendo a canalización subterránea que é necesaria para que quede nas debidas condicións. Esperamos que nas vindeiras dúas semanas poidamos continuar traballando nel se o tempo nos axuda”.

Dino Vidal engadiu que é unha obra “na que a Xunta inviste 10.000 euros e o Concello achega 15.000 dun crédito que xa se pedira hai bastante tempo para esta mellora no campo de fútbol. Facemos os traballos de toda esta obra co noso control e coa colaboración das escolas deportivas, porque senón sería imposible levala a cabo debido ao elevado prezo que tiña todo isto”.