Lourenzá, 24 de outubro de 2013. Esta semana empezou o décimo curso do taller de memoria do Concello de Lourenzá, que conta con 48 alumnos de idades comprendidas entre 63 e 87 anos. Realizarán diversas actividades ao longo dos vindeiros meses, entre elas unha excursión a un balneario o 19 de novembro, na que poderán participar todo os veciños do concello maiores de 60 anos e o prazo de inscrición xa está aberto.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “neste décimo curso participan 48 alumnos con idades comprendidas entre 63 e 87 anos. Facemos tres grupos, que serán impartidos os martes e os mércores pola educadora familiar Dolores Villasuso. A xente que participa ten actividades paralelas coa finalidade de achegar ás distintas persoas que forman parte deste taller de memoria, e tamén para os seus familiares, actos como por exemplo o Nadal, o Entroido ou incluso unha festa de fin de curso onde se mostran todas aquelas actividades que foron facendo. En anos anteriores fíxose unha obra de teatro no 2011, no curso pasado participaron nun club de lectura e este ano os asistentes ao taller de memoria están interesados en retomar unha vez máis o teatro; é unha actividade que, como sempre, contará coa axuda de Pepe Peinó se finalmente hai un grupo de persoas suficiente para poder facer unha representación”.
A rexedora engadiu que os alumnos do taller de memoria “participan en distintas charlas, que se fan ao longo de todo ano. E tamén tratamos de organizar distintas excursións, nas que por mor da crise agora pedimos a colaboración dos asistentes para sufragar os custos da viaxe. A primeira que temos programada é xa para o vindeiro 19 de novembro, que é unha excursión para todas as persoas maiores de 60 anos, non soamente para as do taller de memoria senón que está aberta a outras do concello. É unha excursión termal ao balneario de Augas Santas, no concello de Ferreira de Pantón. Pódese facer por un prezo de 20 euros e vai incluído o autobús para todo o percorrido; o almorzo buffet no hotel Oca Golf Balneario Augas Santas; un circuíto termal polas augas mineromedicinais e baños colectivos, para o cal é necesario que vaian provistos de bañador, gorro e chanclas. Tamén se presentará o programa Termalismo e beneficios dos baños termais no propio balneario e a continuación visitarse unha bodega da Ribeira Sacra. Para inscribirse nesta excursión os interesados deben anotarse no centro social do Torreón dos Frades en horario de 10 a 13 horas preguntando pola educadora familiar, Dolores Villasuso, ou ben no teléfono 982.12.10.36. Agardamos que esta actividade sexa ben acollida non soamente polos membros do taller de memoria senón tamén por outras persoas maiores de 60 anos que queiran pasar un día de relax nesta excursión termal”.