Lourenzá, 5 de agosto de 2020. Na tarde de hoxe, mércores, inaugurouse en Lourenzá unha tenda especializada en roupa e material deportivo chamada Deportes Camiño Norte. A alcaldesa, Rocío López, e a concelleira Mercedes Dengra asistiron ao acto e a rexedora municipal destacou a importancia de que se abran negocios no municipio: “é unha aposta polo rural e é moi destacable que haxa emprendedores que se animen a abrir negocios, a pesar da situación que estamos vivido co Covid19”, manifestou Rocío López.
O propietario do establecemento é Jerónimo Gómez, natural de Jerez de la Frontera e veciño de Foz, onde ten a tenda Nº1 en Zapatillas. Explicou que decidiu abrir este negocio en Lourenzá porque considera que neste municipio hai demanda de material deportivo pois están funcionando varios clubs e ademais o Camiño de Santiago pasa xusto por diante do local, que está na Travesía da Mariña, número 20, de Vilanova de Lourenzá.
Deportes Camiño Norte é unha tenda especializada en material deportivo para diversas especialidades como fútbol, fútbol sala, atletismo, montaña ou caza. Pero tamén ten roupa e calzado de rúa para homes, mulleres, nenos e nenas.