A Escola de Música de Lourenzá acaba de abrir o prazo de matrícula para o curso 2021-22. Os interesados en inscribirse deben dirixirse ás instalacións do centro, que están na Casa da Xuventude, ou a través do correo electrónico bandademusicadelourenza@gmail.com.
O director do centro, José Manuel López Sambad, explica que “empezou o ano pasado, tivo unha acollida moi boa e para este curso abrimos o prazo de matrícula onte, 1 de setembro, e xa levamos practicamente as mesmas que o ano pasado, incluso algunha máis. En canto ás especialidades que impartimos, de vento-madeira temos frauta traveseira, clarinete e saxofón; tamén impartimos gaita galega, que é de música tradicional pero está encadrada dentro de vento-madeira. Ademais temos todas as especialidades de vento-metal: trompeta, fliscorno, trompa, trombón, bombardino e tuba, que son todos instrumentos que se utilizan na Banda. Impartimos tamén percusión, tanto de banda como relacionada con música máis moderna, e ademais percusión tradicional. E fóra dos instrumentos que se utilizan na Banda máis normalmente, temos guitarra (española, eléctrica e acústica), baixo eléctrico, canto e todas as materias teóricas que se estudan en música”.
José Manuel López engade que na Escola de Música de Lourenzá “hai tres formacións: a Banda de Música, unha agrupación de gaitas e outro grupo, no que estamos 7 persoas e tocamos música doutro tipo. Tamén temos iniciación a música para nenos e nenas de 4 a 8 anos”.
O prazo de matrícula estará aberto ata que se cubran as prazas, pero ademais o director do centro fai un chamamento: “se hai algunha persoa que non se queira matricular na escola pero que teña coñecementos de música e estea interesada en tocar con nós na Banda ou en calquera dos outros grupos son ben recibidos”.
A Escola de Música de Lourenzá conta coa colaboración do Concello laurentino.