Lourenzá, 11 de setembro de 2013. En Lourenzá están as piques de rematar os traballos para acondicionar a estrada de acceso ao CEIP Juan Rey, que é a avenida de Soutelo. Ademais a Xunta de Galicia está a instalar un ascensor no centro para mellorar a súa accesibilidade. Por iso a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, considera que o inicio do curso chega con boas noticias para os estudantes laurentinos.
A rexedora explicou que “hoxe en Lourenzá o CEIP Juan Rey inicia o novo curso 2013/14 con dúas boas noticias: xa están a piques de rematar os traballos de acondicionamento, tanto das beirarrúas como do aglomerado, da estrada de acceso ao colexio. E tamén algo que era demandado pola asociación de nais e pais do CEIP, a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade a esas instalacións. Pero en vez de facer esa demandada rampla que pedían desde a ANPA desde a Consellería de Cultura e Educación xa están a traballar na instalación dun ascensor. Nunha primeira fase vaise facer o acceso á primeira planta do colexio. Hai que ter en conta que o CEIP Juan Rey foi construído no ano 1976 e ten moitas escaleiras tanto para acceder á primeira coma á segunda planta. Nesta primeira fase a Xunta investirá 41.189,29 euros e este ascensor comunicará aos nenos e nenas desde a rúa ata o primeiro andar e na segunda fase, que queda para máis adiante, comunicaranse as dúas plantas que ten o CEIP”.
Para Emma Álvarez “isto é un beneficio tanto para os escolares do CEIP coma para as familias que van levalos e buscalos todos os días”.