Este vindeiro domingo, día 13, continúa en Lourenzá o ciclo de teatro organizado polo Concello, que empezou o pasado sábado cunha representación da obra Xubilando a cargo do grupo O Bordelo, de Cervo.
A alcaldesa, Rocío López, explicou que a actuación do pasado sábado “marcou o inicio do ciclo de teatro programado para este mes de novembro pola Concellería de Cultura dentro do programa teatral da Deputación de Lugo Buxiganga e do Circuíto de Teatro Profesional. Con esta escenificación os asistentes gozaron de case dúas horas de representación teatral nas que as risas e o humor estiveron moi presentes”.
E a rexedora anunciou que “a próxima sesión será o domingo día 13 as oito da tarde no salón de actos do Concello. Desta vez o toque de humor virá da man do grupo A Rabela Teatro, de Baralla, coa representación da obra Balbina a adiviña”.