ESTE SÁBADO, DÍA 20, REMATA O PRAZO PARA PRESENTAR TRABALLOS AO PRIMEIRO CONCURSO DE CARTEIS SOBRE A FESTA DA FABA CONVOCADO POLO CONCELLO E ACIAL PARA NENOS E RAPACES DE ATA 16 ANOS

Lourenzá, 15 de xullo de 2013. Este vindeiro sábado, día 20 de xullo, remata o prazo para presentar traballos ao concurso de carteis sobre a 23ª edición da Festa da Faba, que convocaron o Concello de Lourenzá e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos do municipio (ACIAL).

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “é a primeira vez que se organiza un certame para a elaboración do cartel anunciador deste festexo, imaxe que van levar tamén os programas, os dípticos de man e os demais materiais que se utilicen para anunciar o evento, que se celebrará os días 5 e 6 de outubro”.

Lupe Flórez lembrou que “é un concurso de carácter infantil e xuvenil aberto a nenos e rapaces de ata 16 anos, que poden participar presentado os seus traballos nas oficinas municipais de Lourenzá persoalmente ou a través de distintos medios (mensaxería ou correo postal) ata o vindeiro sábado, día 20 de xullo. Todos os traballos que se presenten deberán ir non só en formato dixital, se así o desexan os participantes, senón que deben estar obrigatoriamente impresos en formato cartolina tamaño A4. E todos eles deben reflectir nalgún dos espazos do cartel a lenda XXIII Festa da Faba así como Lourenzá 5 e 6 de outubro, que son as datas escollidas para a celebración da festa neste ano”.

A edil de Cultura engadiu que “é un concurso aberto á infancia e á xuventude non só de Lourenzá, senón a todos aqueles que queiran participar. Para dalo a coñecer colgáronse as bases na web do Concello e, por outra banda, foron remitidas a todos os centros educativos da Mariña por se fora do seu interese difundilas entre o seu alumnado”.

En canto ao premio, Flórez comentou que “vai ser un obsequio representativo da Festa da Faba e, por outra banda, a colaboración da ACIAL será precisamente na outra parte do premio deste concurso, xa que está dotado cun vale de 50 euros para gastar nos establecementos adheridos á asociación de comerciantes laurentina”.