A feira de produtos ecolóxicos certificados, que contará con 20 empresas participantes, é unha das novidades da XXVI Festa da Faba de Lourenzá. O evento, que empezará o 30 de setembro, rematará o 2 de outubro, domingo, ás 18:30 horas cun encontro folclórico organizado pola asociación cultural Osorio Gutiérrez.
A feira exposición organizada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) celebrarase na praza César Chavarría. A súa directora, More Santiago, explicou que “a produción ecolóxica galega é un dos sectores con maior crecemento en todas as ordes, tanto en superficie como en facturación e en operadores. De feito o crecemento resulta nalgúns aspectos espectacular, se temos en conta, por exemplo, que en só oito anos pasou de 9.600 hectáreas a máis de 20.000 no pasado exercicio. E así a facturación superou no último ano os 33 millóns de euros. E nesta situación de expansión e crecemento o CRAEGA entende que dentro das accións de crecemento e promoción dos produtos ecolóxicos certificados galegos ocupan un lugar importante as feiras para aproximar os operadores aos consumidores. E por iso este ano organizamos certames por distintos puntos de Galicia”.
More Santiago destacou que son feiras “de produtos certificados, porque estamos a ver como se celebran feiras ecolóxicas que efectivamente presentan produtos ecolóxicos pero non son certificados, porque carecen da certificación do CRAEGA, que é o requisito que esixe Europa para comercialización con selo de garantía ecolóxica. E cunha feira de produtos ecolóxicos certificados estaremos na Festa da Faba de Lourenzá, cerrando esta experiencia. En Lourenzá pola súa importancia agraria e tendo en conta que este ano se celebra o ano europeo da hortaliza”.
A directora do certame ecolóxico engadiu que “o que se pretende coa feira é sacar á rúa e poñer en contacto a operadores, empresas e cidadáns; aqueles que xa coñecen e consumen produtos ecolóxicos e os que aínda non están preto deles. E para iso contamos, ademais de coas empresas e operadores, co apoio da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, do Feader e, no caso de Lourenzá, co do Concello e da Deputación de Lugo. Os concellos colaboran en cada unha das feiras e desde o CRAEGA agradecémolo publicamente. E é precisamente esta colaboración a que nos permite ofrecer os espazos, os stands e todos os servizos aos participantes de forma totalmente gratuíta. Pero quixera ter un agradecemento especial pola acollida que esta iniciativa tivo en Lourenzá, onde desde o primeiro momento apoiaron esta iniciativa. Así que agardamos que esta sexa a primeira dunha longa traxectoria de feiras”.
More Santiago anunciou que durante a Festa da Faba “haberá catas e degustacións por parte dun cociñeiro. Tamén se celebrarán obradoiros de pintura e manualidades e un taller de creación dun peluche ecolóxico con forma de faba e os nenos levarán ademais un certificado de nacemento. Quero invitar a todos a visitar a feira e probar os produtos ecolóxicos, porque son garantía de calidade e de saúde. Contaremos nesta feira de Lourenzá con 20 firmas e a xente que se achegue poderá degustar e comprar, se lle parece oportuno, marmeladas, mel, produtos do mar en patés, hamburguesas ecolóxicas, cervexa artesanal, pasta feita con castaña e de algas, fariña de algas, etcétera. Unhas delicias que veñen de todos os puntos de Galicia”.
Pola súa banda, a secretaria da asociación cultural Osorio Gutiérrez, Elena Cabaleiro, explicou que a participación deste colectivo nesta edición da Festa da Faba consiste na organización dunha xuntanza folclórica “na que participaremos nós, bailaremos e cantaremos, e tamén o grupo da asociación Atrevo de Meis (Pontevedra), que tamén farán unha exhibición de baile e de canto. Será o remate da Festa da Faba”. Este acto está programado para o domingo 2 de outubro ás 18:30 horas no claustro do mosteiro.