AS FESTAS DO CONDE SANTO CELÉBRANSE DO VENRES 25 AO LUNS 28 DE AGOSTO E NESTA FIN DE SEMANA HABERÁ TAMÉN DÍA DA BICICLETA, CONCENTRACIÓN DE CAMIÓNS, MOSTRA FOLCLÓRICA E CERTAME DE BANDAS.

Lourenzá, 24 de agosto de 2023. As festas do Conde Santo en Lourenzá celebraranse desde mañá, venres 25, ata o luns 28. Nesta fin de semana haberá tamén o XXIV Día da Bicicleta, a primeira concentración de camións, a tradicional mostra folclórica e o terceiro certame de bandas de música. Os festexos foron presentados polos organizadores e a alcaldesa, Rocío López.

As actividades empezarán mañá, venres, co XXIV Día da Bici, evento que empezará ás 18:00 horas na praza do Conde Santo, desde onde se fará un percorrido de 12 quilómetros ata A Cazolga. Ao final haberá probas e competicións en entregaranse trofeos e agasallos sorpresa. As inscricións serán a partir das 17:00 horas na praza. E ás 22:00 horas terá lugar a cea baile Lenda do Conde, na que haberá as actuacións de Toxo Guayaba, DJ´s e El niño lápiz.

O sábado 26 sairán os Cocos ás 11:30 horas, ás 12:45 haberá misa solemne e a partir das 14 horas sesión vermú coa orquestra La Favorita, que tamén amenizará a verbena xunto a Ritmo Bakano. Ademais ás 18:00 horas empezará a VI Milla Lourenzá e ás 19:00 horas no claustro terá lugar a mostra folclórica na que actuarán a agrupación Osorio Gutiérrez e As Cantigas de Elena. E ás 20:00 horas A Charanga de Carmiña ofrecerá un pasarrúas.

O sábado celebrarase ademais a primeira concentración de camións, para a que están inscritos uns 80 vehículos. Ás doce do mediodía empezarán unha ruta desde o recinto feiral de Vilanova polo val de Lourenzá, despois participarán na sesión vermú e xuntaranse nunha comida e ao longo da tarde sortearán agasallos e entregarán premios.

O domingo 27 sairán os Cocos ás 11:30 horas, ás 12:30 horas a Banda de Lourenzá ofrecerá un pasarrúas e ás 13:00 horas celebrarase unha misa solemne. Ás 14:00 horas empezará a sesión vermú na que actuará Mar de Arousa, que tamén estará na verbena xunto a orquestra Cinema. Ás 17:30 horas volverán saír os Cocos e ás 18:00 disputarase o torneo de fútbol Conde Santo entre os equipos das Escolas Deportivas Lourenzá e o Iberia Club de Fútbol. Ás 18:30 horas terá lugar no claustro o terceiro certame de bandas de música, no que participarán a de Cedeira e a de Lourenzá, con entrada gratuíta. E ás 20:30 horas a charanga NBA ofrecerá un pasarrúas.

E o luns 28 rematarán os festexos coa saída dos Cocos ás 11:30 horas e unha sesión vermú desde as 14:00 horas amenizada polo dúo Epo-k.