A FUNDACIÓN PENZOL APOIA A PROPOSTA DO CONCELLO PARA QUE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO 2020 SEXA DEDICADO A FRANCISCO FERNÁNEZ DEL RIEGO

Lourenzá, 14 de agosto de 2014. A corporación municipal de Lourenzá celebrou hoxe pleno en substitución da sesión ordinaria que correspondía levar a cabo mañá, venres, pero ao ser día festivo adiantouse a esta xornada por acordo dos tres grupos políticos representados no Concello. No pleno deuse a coñecer que a Fundación Penzol apoia a proposta do Concello laurentino para que o Día das Letras Galegas do ano 2020 sexa dedicado a Francisco Fernández del Riego.

A portavoz do goberno local, Lupe Flórez Seivane, explicou que no pleno “deuse conta dun escrito achegado dende a Fundación Penzol, que unha vez reunida a directiva do seu padroado tomou en conta a nosa petición do pleno do 16 de maio para que apoiaran a nosa petición de dedicarlle o Día das Letras Galegas no ano 2020 ao noso fillo predilecto Francisco Fernández del Riego. Eles tomárono en conta e apóiano xa que teñen en conta que foi presidente da Fundación Penzol e un gran persoeiro e representante da mesma”.

Na sesión tamén “ratificamos a resolución da Alcaldía, que foi aprobada por unanimidade, sobre un convenio de colaboración para a xestión compartida do servizo de mantemento de espazos naturais e plan de mobilidade sostible co Concello de Trabada, onde se deron unhas especificacións a maiores da proposta acordada no pleno do 16 de maio. Deuse tamén conta dos informes das facturas do segundo trimestre de 2014: por parte de Secretaría-Intervención informouse que estamos moi preto de acadar o marco legal que estipula os 30 días de pago a provedores; neste caso falaríamos de 35,33 días na actualidade. Alegrámonos de que é unha baixada bastante significativa, tendo en conta que no mesmo período do ano 2013 estábamos nunha media de máis de 100 días e que no primeiro trimestre deste ano superábamos os 60 días de período medio de pago. Polo tanto o feito de achegarnos á legalidade dos 30 días é algo que nos satisfai”, destacou Lupe Flórez.

A voceira do goberno municipal engadiu que “Secretaría-Intervención tamén deu conta do seguimento do plan de axuste, onde basicamente se informou dun incremento duns 10.000 na recadación do imposto da recollida de lixo, feito que se produce pola actualización do padrón de usuarios deste servizo que se fixo no ano 2013: ao incrementarse o número de vivendas nese padrón de recollida de lixo fai que aumente tamén a recadación do mesmo”.

No pleno de hoxe tamén se acordou por unanimidade que os festivos locais en Lourenzá para 2015 van ser, como en anos anteriores, o martes de Entroido e o luns das festas patronais do Conde Santo.

Flórez comentou ademais que na sesión “abordouse a proposta da Alcaldía para resolver o contrato administrativo de adxudicación da lonxa hortofrutícola de Lourenzá ca empresa Obenfield e esa proposta da Alcaldía que falaba de ter resolto o expediente no prazo dun mes foi aprobado por unanimidade dos dez concelleiros presentes na sesión. Tamén se trataron dúas propostas da Alcaldía para modificar, por unha parte, a ordenanza da taxa pola prestación do servizos das escolas deportivas, na que o único que se cambia é que se lle dá potestade á empresa que xestiona as escolas deportivas para efectuar o cobro, xa que ata a actualidade era o Concello o que recadaba a matrícula das escolas deportivas e posteriormente, previa xustificación de gastos, se lle reembolsaba a quen as xestiona. Para aportarlles unha liquidez vaise facilitar que o cobro fágano eles mesmos. En canto ao imposto de vehículos de tracción mecánica, non contemplábamos en Lourenzá ata o día de hoxe a posibilidade de ter exentos aos vehículos históricos do pago deste imposto, pero a partir de agora, xa que foi aprobado por unanimidade, os vehículos históricos, previa notificación por parte dos propietarios, van ter a posibilidade de estar exentos deste imposto no noso concello”.

Outro asunto que aprobou a corporación municipal foi “unha ordenanza que vai regular no futuro todas aquelas axudas ou subvencións económicas que dende o Concello se poidan facer a distintas entidades, xa que ata o día de hoxe tampouco contábamos en Lourenzá cunha ordenanza que regulara de que maneira se aportaban axudas ou subvencións a distintos colectivos”, explicou Lupe Flórez, quen tamén se referiu a moción do grupo de goberno “relativa á petición á Subdelegación do Goberno para que dote ao noso concello dunha maior presenza dos corpos e forzas de seguridade do Estado tendo en conta os últimos delitos que houbo no noso concello, tanto en vivendas particulares como en distintos negocios: locais de hostalería, naves industriais, etcétera. Recollendo a preocupación dos nosos veciños trasladamos esta proposta á corporación, foi recibida positivamente polos outros dous grupos que forman a corporación municipal e engadímoslle que esa maior presenza dos corpos e forzas de seguridade do Estado se leve a cabo en horario nocturno, xa que xeralmente é cando se producen estes delitos”.