HOXE DESCUBRIUSE NA PRAZA CÉSAR CHAVARRÍA PACIO A PLACA PARA RESTITUÍR A MEMORIA DOS VECIÑ@S REPRESALIADOS DURANTE A GUERRA CIVIL

Hoxe descubriuse na praza César Chavarría Pacio, de Vilanova de Lourenzá, a placa para restituír a memoria dos veciños e veciñas do municipio que foron represaliados durante a Guerra Civil.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que este acto celebrouse para dar cumprimento ao acordo plenario de data 21 de novembro do ano pasado, que “partiu dunha moción do grupo municipal do BNG á que seguiu unha emenda de substitución presentada polo grupo municipal popular e quedou o contido da seguinte maneira: o pleno da corporación municipal de Lourenzá acordou expresar a condena unánime á represión franquista neste concello así como o apoio a todas as vítimas da Guerra Civil oriúndas ou veciñas do concello; reafirmar a condena da ditadura franquista aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos parlamentarios na resolución do Parlamento de Galicia de outubro do ano 2008; condenar calquera acto violento que utilice a forza para a consecución de fins políticos; e colocar unha placa na praza César Chavarría Pacio o 7 de xaneiro de 2015, en recordo do día de nacemento de don Francisco Fernández del Riego, fillo predilecto do noso concello e membro do Partido Galeguista, que sufriu, xunto con outras moitas persoas do noso concello, as cruezas da represión desatada polos vencedores da Guerra Civil no ano 36”.

A rexedora engadiu que “as verbas que quedan para sempre nesta placa son: na memoria e honra de todos e todas os represaliados a consecuencia da Guerra Civil”.

Emma Álvarez rematou comentando que o obxectivo do acto celebrado hoxe é que “acontecementos deste tipo nunca máis se volvan repetir e vivamos como irmáns nunha terra que nos acolle sen distincións de raza, sexo, relixión ou ideoloxía política”.